Quinto cocido socialista. Lalín, 16 de febreiro de 2008, festividade de San Pánfilo. Segundo expón o PSdeG-PSOE na súa páxina web, o secretario xeral dos socialistas galegos, Emilio Pérez Touriño, dixo: "Rajoy pasou por cinco Ministerios sen tocalos nin manchalos, foi o Ministro máis vago da historia de España, o menos traballador. Propóñelle un xogo a Antón Louro, unha especie de concurso das preguntas: dígame, por 25 puntos, as leis que fixo Rajoy sendo Ministro"...
Non se pode agardar de Touriño nin Rajoy que tracen un proxecto de futuro para Galicia, que sexa realizable e aceptado pola sociedade, para poñer o desenvolvemento galego no sitio que lle corresponde por recursos naturais e capital humano. Touriño da probas a cotío de que esa empresa queda moi lonxe das súas aptitudes. Rajoy é un bó parlamentario, intelixente, culto, tímido,... pero elixiu facer política en Madrid e despóis puxo en Galicia aquel "hilillo de plastilina" cando a catástrofe, sen embargo evitable, do Prestige embaduñou de chapapote o fermoso rostro do noso litoral. Cada cal pode pensar de Rajoy o que lle pete, pero o que ninguén cun mínimo de obxetividade e imparcialidade pode calificar de vago a Mariano Rajoy. E menos o presidente da Xunta nunha comilona do seu partido, en horas en que era obrigado estar ó servicio de tódolos galegos. É unha esaxeración olímpica e non unha boa práctica das que debe mostrar o presidente da Xunta aínda que estea nunha panzada.
Non é ético que o Presidente da Xunta faga campaña electoral, por riba fóra do período que fixa a lei, nunhas eleccións xerais. E o da paparota de Lalín foi campaña electoral, sendo o partido quen deu a coñecer ós medios de comunicación as desatinadas palabras de Touriño. Como dixo o xefe político de Touriño, José Blanco, "incluso a mí como candidato me molesta que estén debatiendo líderes políticos que están en el ámbito autonómico, que no son candidatos a nada... Galicia se puede jugar mucho en sus eleccciones, pero hay unos candidatos, unas personas... Hay que tener respeto a cada proceso".
Pero unha cousa é que cada político defenda as súas posturas e outra ben distinta é que descalifique sin vir a conto ó contrincante e sen unha pizca de obxectividade. Houbo centos e centos de ministros en España. E Rajoy, sen ninguna dúbida, non "foi o Ministro máis vago da historia de España". Touriño meteu a zoca, podía pegarse cunha pedra no peito se a súa categoría política chegase á sola do zapato de Rajoy.
A nota de prensa da sucursal galega do PSOE tamén informa que "o Presidente da Xunta asegurou que "o PP é responsable de calcarlle ao Deza a autoestrada más cara de España".
Nas infraestructuras galegas hai cousas mal feitas e atrasos varios tanto do PP como do PSOE. Pero ninguén houbera botado enriba dos cidadáns do Deza ese anaco de autoestrada cara se o Plan Director de Infraestructuras do ano 1993, cando era Ministro de Obras Públicas José Borrell, houbese realizado a vía de alta capacidade entre Santiago e Ourense. E para colmo, Touriño era nese momento secretario xeral para as Infraestructuras do Transporte. Hai máis de ano e medio que a conselleira Caride anunciou que tratarían de que Fomento asumise as competencias de toda a autoestrada de Santiago a Ourense, xa que non vía normal que o tramo Santiago-Dozón o fixera o Estado e a Xunta lle toque continuar ata Ourense. Asemade anunciou que o tramo Dozón-Ourense, que adxudica a Xunta tamén será de momento de peaxe, se ben "estamos negociando coa concesionaria para abrir algunha vía tendente a rebaixar as tarifas". Xa ven, agora o goberno de Touriño elimina a peaxe de Dozón a Ourense co cal contribue a mellorar a rendabilidade da concesionaria da autoestrada máis cara de España.