Na revista Análise empresarial, no seu número 39, aparece un artículo importante i esclarecedor sobre o famoso concurso eólico. O seu autor é o economista Anxo Calvo Silvosa, ex director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia aporta una chea de claves para descubrir a manipulación a que se someteu unha das decisións máis acertadas en defensa do país que se teñen tomado nos últimos 25 anos de autogoberno galego. Aí teñen o artigo titulado UN CONXUNTO DE REFLEXIÓNS SOBRE O PROCESO E A RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA DE NOVOS PARQUES EÓLICOS DE 2008 tal é como aparece en Análise empresarial:
Quitando o epílogo, que foi escrito logo das eleccións do primeiro de marzo, estas reflexións redactáronse nas últimas semanas do mes de febreiro de 2009 por pedimento de Claudio López Garrido, compañeiro na celebérrima comisión avaliadora de parques eólicos. Coido que, agora que se abre unha nova etapa política no País, cómpre explicar, dende o convencemento do traballo ben feito, todo o realizado, mesmo os detalles máis operativos. Agora virán uns novos responsables políticos para a área de enerxía e, de certo, procurarán analizar todo o feito para descubrir algunha fenda nun procedemento obxectivo e robusto coa que saciar a fame de xustificación dunha ofensiva emprendida por fortes poderes empresariais e mediáticos para desaloxar o nacionalismo do poder da Xunta. Oxalá que eses novos xestores sexan quen de subtraerse á influencia deses intereses e rompan o cordón umbilical que tiveron durante esta lexislatura e durante a súa época de goberno.
2005: Un novo enfoque para a enerxía eólica: diferenzas co pasado
Dende o outono de 2005, a Consellaría de Innovación e Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, promoveu un novo decreto regulador da explotación eólica, un dos proxectos máis soados da lexislatura 2005/2009. Esencialmente, o decreto 242/2007 supón un gran cambio a respecto das normas que viron o nacemento e o crecemento da enerxía eólica en Galiza. Pódese afirmar con toda certeza que son dous modelos moi diferentes tanto dende o fondo como dende o aspecto puramente formal.
Canto ao fondo, as diferentes normativas eólicas formuladas dende os gobernos do Sr. Fraga Iribarne –decretos 205/1995 e 302/2001- coincidían en darlles aos intereses privados todo o protagonismo e toda a iniciativa na explotación do vento para a produción de enerxía eléctrica. Coido que a idea de interese público era practicamente inexistente. Por exemplo, falar de participación pública no capital social das empresas promotoras ou de establecer fórmulas negociadas que procurasen un reparto das rendas cos propietarios dos montes estaban nas antípodas do modelo eólico anterior. O papel da Administración ficou reducido a non pór pexas aos plans que tiñan as empresas e a darlle unha cobertura legal a unha auténtica privatización do recurso eólico, sen contrapartida en termos de compensación dos custos sociais ou ambientais derivados da implantación dos parques. Evidentemente, todo o proceso de liberalización do sector enerxético intensificado polo Goberno Español dende a segunda metade dos noventa actuou como referente e posibilitador destas políticas tan favorables aos intereses privados dos promotores. A planificación enerxética era nominal e absolutamente flexible para dar cobertura aos intereses dos promotores.
A respecto dos plans industriais asociados, pódese dicir que nunca se converteron nun aspecto central do desenvolvemento eólico e tampouco foron obxecto dun especial control por parte da Administración. Os devanditos plans estaban orientados unicamente a facilitar a implantación dos parques, fornecéndoos da maquinaria e dos compoñentes que precisaban para poderen operar, mais non houbo intención de xerar coñecemento avanzado que puxese a Galiza nun lugar destacado no ámbito do I+D+i no mundo das renovables. Todo ao contrario: coa perspectiva dos anos, poderíase dicir que o territorio galego foi unha sorte de cobaia onde a tecnoloxía eólica atopou un campo de probas, pero non máis ca iso. Dado que os parques galegos son dos máis antigos, as máquinas instaladas neles están obsoletas. Esta circunstancia, alén de supór unha clara perda de eficiencia, dificulta dende o punto de vista técnico a implantación de novos aeroxeradores ao non seren os xa instalados os ideais para o funcionamento do sistema eléctrico. En definitiva, coido que non había un esquema de desenvolvemento industrial para as comarcas onde se localizasen os parques, senón só unhas implantacións industriais vinculadas estritamente á construción dos parques. Ademais, plans de certa entidade tan só foron materializados por uns poucos promotores. O resto adheríanse a estes ou ficaban nun limbo cómodo carente de compromiso firme co emprego ou coa creación de tecnoloxía.
Evidentemente, isto repercute no formal, nos procedementos. Os modelos anteriores carecían do carácter obxectivo que ten o vixente decreto 242/2007. Para empezar, os plans eólicos estratéxicos do decreto 205/1995 concedíanselles ás empresas sen existir un procedemento con criterios explícitos e obxectivos: o promotor acudía á administración e solicitaba unha determinada potencia para ser desenvolvida a través dun conxunto de parques e, como consecuencia do resultado dunhas conversacións co poder político, vía como a súa solicitude prosperaba ou ficaba a agardar. Eu ignoro as cuestións que se trataban nesas conversas, porque nunca transcenderon alén dos despachos de San Caetano. Consonte esta normativa, na miña opinión escasamente obxectiva, aprobáronse 18 plans eólicos estratéxicos que, coas modificacións e as ampliacións aprobadas consonte o mecanismo exposto deseguido, suman 3.880 MW.
Logo promulgouse o decreto 302/2001. Nel aparece a figura do Plan Eólico Empresarial e, a través dunha disposición transitoria, consideraron os titulares dos antigos plans eólicos estratéxicos anteriores como titulares dos novos plans eólicos empresariais. Isto supuxo conservarlles todos os dereitos adquiridos pola aprobación do seu plan de acordo co método descrito no parágrafo anterior. O decreto 302/2001 incorporaba un novo procedemento consistente en que a consellaría con competencia en materia de enerxía establecía cada tres anos, mediante unha orde publicada no DOG, o prazo de presentación das solicitudes de aprobación ou de ampliación ou modificación dos plans eólicos empresariais. Estas solicitudes eran sometidas ao trámite de información pública e, despois, o conselleiro, por proposta da Dirección Xeral competente en materia de enerxía, ditaba nun prazo máximo de seis meses resolución aprobando ou denegando as solicitudes presentadas con base nuns criterios, que en ningún caso se concretaron nin, por suposto, se ponderaron como na normativa actual. O Plan Eólico Empresarial aprobado outorgáballe ao seu promotor os dereitos de investigar o recurso eólico nunhas áreas e de implantar parques con carácter exclusivo nesas áreas e levaba consigo a obriga de desenvolver un programa industrial que rara vez ía alén de adquirir parte da maquinaria a unha fábrica localizada en Galiza. As resolucións publicábanse no DOG e, cunha motivación insuficiente onde non se facía constar ningunha referencia aos supostos criterios de valoración –na miña opinión, porque só eran nominais, mais non efectivos- figuraban unhas liñas brevísimas e xenéricas onde había que supor ou intuír –por non dicir crer- a existencia dun plan industrial moi feble en liña co comentado anteriormente.
Anualmente, a antiga Consellaría de Innovación, Industria e Comercio publicaba unha orde de admisión a trámite de potencia eólica. Malia que formalmente existía unha listaxe de criterios de valoración, esta carecía dun baremo que puidese obxectivar a decisión da administración e, por suposto, as resolucións de admisión a trámite seguían a carecer da motivación clara que teñen as actuais. Con estas ordes, coido que a administración anterior fixo saltar polos aires a escasa idea existente de planificación enerxética e acadou nunha cota de arbitrariedade similar á que exhibiu cando autorizou os vellos plans eólicos estratéxicos ao abeiro do 205/1995, xa que admitiu a trámite parques impulsados por promotores individuais que, normalmente próximos ao poder, en ocasións nin sequera acreditaban os requisitos de capacidade legal, técnica e económica esixidos pola normativa do sector eléctrico. Por suposto que estas prácticas deron lugar a un intensa actividade mercantil onde os agraciados obtiveron pingües beneficios alleando papeis referidos a proxectos de parques individuais que finalmente acabaron nas mans dos grandes promotores.
Este proceder repetíase cos chamados parques singulares, normalmente orientados cara aos concellos, onde tamén existía formalmente unha orde de convocatoria carente, en calquera caso, dunhas bases ou baremos como as que introduciu a Consellaría de Innovación e Industria na Orde de 6 de marzo de marzo de 2008. A derradeira convocatoria para parques eólicos singulares –estruturada ad hoc en dúas normas- e a súa resolución foron un disparate xurídico e un exemplo de improvisación e de ausencia de sentido planificador nas decisións. O novo goberno fixo unha revisión de oficio desta convocatoria, anulou unha ampliación da convocatoria irregular, retrotraeu o procedemento ao momento anterior á resolución e promoveu unha nova admisión a trámite a partir dos traballos dunha comisión onde participou como observador un representante de Fegamp.
Ao remate, os gobernos anteriores ao 2005 comprometeron arredor de 4.200 MW de potencia eólica entre plans, parques individuais e parques singulares con procedementos escuros e sen dar explicacións a ninguén. Na miña opinión é moi salientable que os que agora claman pola pureza, a participación, a transparencia, etc daquela non abriron a boca e toleraron por motivos que eles deberían clarificar que o sector eólico se desenvolvese neste País á marxe do interese xeral e en beneficio dun grupo moi reducido de promotores.
O modelo que nace co Decreto 242/2007 caracterízase pola inserción da cuestión eólica no marco da planificación enerxética de Galiza, pola existencia de convocatorias públicas abertas, con criterios claros e estruturados en subcriterios valorados con puntuacións establecidas nunha orde publicada no DOG -onde se fai unha aposta explícita pola promoción do investimento, a creación de postos de traballo, a xeración de coñecemento, a participación pública, etc-, cunha comisión de valoración coñecida de antemán e con todas as garantías técnicas, xurídicas e administrativas esixibles a un tema desta importancia. Velaquí a gran diferenza co anterior.
Os beneficios da nova admisión a trámite
A Consellaría de Innovación e Industria, coa resolución do 26 de decembro de 2008, admitiu a trámite 2.290,72 megawatts de potencia eólica, un total de 78 proxectos de parques eólicos de 29 promotores. A participación estimada media que xestionará o Goberno galego nos devanditos proxectos acada o 14,22%. A presenza pública no capital social das empresas promotoras daralle á Administración Galega dereitos económicos, por exemplo o de percibir un dividendo, e políticos como o de formar parte dos consellos de administración colaborando na marcha da sociedade e actuando dende o interior da empresa a prol do interese público.
Alén disto, a práctica totalidade dos proxectos recolle unha porcentaxe de participación sobre a facturación bruta anual de entre o 1% e o 3%, que equivalerá a 15,6 millóns de euros estimados anuais para os propietarios.
O investimento previsto no desenvolvemento destes parques é de 2.744 millóns de euros, que segundo informou o conselleiro se suman aos aproximadamente 1.300 millóns de euros de investimento que contemplan os proxectos de desenvolvemento asociados aos proxectos. Nun momento de crise económica coma o que atravesamos, é importante que se poñan en marcha proxectos enerxéticos e industriais cun investimento superior aos 1.400 millóns de euros, cunha creación de emprego estimada varios miles de postos de traballo.
Vemos que as normas que sustentan esta admisión a trámite procuran que o conxunto do País obteña unha compensación razoable por ter que soportar os custos sociais e ambientais vinculados ás instalacións eólicas. Os criterios que máis peso tiveron na valoración foron o impacto socio económico positivo do proxecto de desenvolvemento económico e o alcance, viabilidade e interese social da proposta de compromisos adicionais. Cada un destes criterios representaba 30 puntos sobre un total de 100. Dito doutro xeito, o desenvolvemento económico para o conxunto do País e o interese público representou até o 60 % da decisión da consellaría. A diferenza cos modelos do pasado é ben clara e non precisa de máis comentarios.
O papel do sector eólico no debate
Houbo un gran debate promovido pola Consellaría de Innovación e Industria sobre esta cuestión. Neste sentido, isto per se foi un obxectivo acadado: coido que fomos quen de pór a cuestión enerxética en xeral, e nomeadamente a eólica, nun primeiro plano e todo aquel que quixo participar no debate puido facelo con total liberdade e coa certeza de que foi escoitado pola Administración.
Evidentemente, as empresas do sector tiveron presenza destacada no proceso, xa que en todo momento foron informadas dos plans da consellaría e sempre se escoitaron cantas propostas e ideas nos quixeron trasladar.
Dende un primeiro momento, coñeceron da folla de rota da consellaría: pechar ordenadamente o modelo do goberno anterior, definir nun decreto o modelo novo, implantalo por medio dunha orde de convocatoria para a admisión a trámite de nova potencia até acadarmos os 6500 megawatts autorizados no horizonte de 2012, resolver a devandita orde dentro da presente lexislatura e tramitar asemade unha modificación do plan sectorial eólico vixente.
Sempre fomos moi claros con eles e en ningún caso poden aducir que o feito se apartou do transmitido dende o primeiro momento. Ora ben, en todo este longo proceso escoitamos as suxestións formuladas dende o sector e incorporamos algunhas delas ao noso modelo, nomeadamente as referidas ao peche dos vellos plans eólicos empresariais do decreto 302/2001 tal como se recolleu nas transitorias primeira e segunda do novo decreto. Non cedemos á pretensión deles de conservar o dereito exclusivo de promover parques nas áreas do seu plan unha vez que este estivese rematado por prazo. Este foi un punto de debate que constituíu en gran medida a chave da oposición dalgúns dos vellos promotores á nova política.
En todo caso, coido que quedaron salvados os obxectivos básicos da nova política eólica: abrir o sector a novos operadores a través dun procedemento transparente e en concorrencia, contar con participación pública nos novos parques e empregar a potencia eólica como panca de promoción industrial para promover o investimento e o emprego nas comarcas onde se localizan os parques.
Ao final, un dato ben elocuente: dous promotores presentaron recurso contencioso-administrativo.
Aspectos concretos a respecto da resolución da convocatoria
O artigo 12.3 do Decreto 242/2007 dispuña que, rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Consellería de Innovación e Industria tiña que iniciar o procedemento de selección dos anteproxectos presentados consonte os criterios de valoración establecidos nos artigos 10 e 11 se a suma das potencias das solicitudes presentadas superaba a potencia máxima prevista na orde de convocatoria. Na práctica houbo arredor de 30.000 megawatts en solicitudes e a potencia máxima prevista na orde era de 2.325 megawatts. En definitiva estabamos perante o devandito suposto.
Neste caso, no prazo máximo de seis meses, por resolución da Consellaría de Innovación e Industria, era necesario aprobar a relación dos anteproxectos seleccionados, conforme os criterios establecidos nos devanditos artigos do decreto, e formular asemade unha lista priorizada de anteproxectos suplentes.
Así mesmo, a orde, seguindo as indicacións do artigo 12, contiña a previsión de constituír unha comisión para a valoración das solicitudes consonte os criterios fixados nos devanditos artigos 10 e 11 do decreto 242/2007, composta por catro representantes da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas entre os que figuran o presidente e a secretaria da comisión; tres representantes do Instituto Enerxético de Galiza (Inega), entre os que está o seu director, que actúa como vicepresidente da comisión; e un representante por cada unha das consellarías de Medio Rural, Medio Ambiente e Política Territorial.
A comisión, polo tanto, debería valorar estritamente as seguintes cuestións: a relación entre produción enerxética e afección ambiental; viabilidade técnico-económica e maior impacto socio-económico positivo do proxecto de desenvolvemento económico así como o importe dos investimentos e programa de execución; a maior capacidade técnica e financeira para a execución material do parque; o nivel tecnolóxico das instalacións que conforman os parques eólicos que o proxecto contempla para seren desenvolvidos dentro da Área de Desenvolvemento Eólico; a viabilidade da proposta de interconexión; e o alcance, viabilidade e interese social da proposta de compromisos adicionais. Estes criterios apareceron debidamente ponderados no artigo 5º da Orde de 6 de marzo de 2008.
Unha vez que as diferentes consellarías e centros directivos designaron os seus representantes e o conselleiro de Innovación e Industria os nomeou como membros da comisión, esta quedou validamente constituída o 17 de outubro de 2008.
Por acordo unánime no seo da comisión, aprobáronse unhas normas de funcionamento interno co obxectivo de concretaren todos os detalles de organización e de operativa para poder a comisión desenvolver os seus traballos.
Tamén unanimemente decidimos como ía ser o procedemento de traballo. Esencialmente este consistiu en que a comisión ía establecer a metodoloxía de aplicación da valoración segundo cada un dos criterios do decreto e consonte o baremo fixado pola Orde de 6 de marzo a través duns informes elaborados por membros da propia comisión. A aplicación dese método correspondería, segundo o tema, aos medios técnicos da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ou do Inega. Finalmente, sería a comisión quen validase a aplicación dos criterios aos diferentes anteproxectos presentados e quen formulase a valoración definitiva para confeccionar a proposta de anteproxectos admitidos a trámite e a listaxe de agarda á que se fixo referencia anteriormente.
A elaboración dos informes técnicos para a valoración foi un exemplo de obxectividade e preocupación por motivar até o último punto outorgable con criterios perfectamente contrastables e afastados da discrecionalidade. Mesmo se pode dicir que os relatores, todos eles membros da comisión, redactaron as súas metodoloxías de valoración sen coñeceren a priori o contido dos anteproxectos para garantir un maior grao de imparcialidade. Cando estiveron todos os informes aprobados, os membros da comisión sen ningunha excepción tiveron libre acceso á totalidade da documentación depositada nun arquivo da dirección xeral e, alén disto, foron constantemente convidados a participar nas sesións de aplicación da metodoloxía pactada ben como supervisores do proceso ben como participantes directos nel. De feito, todos os membros da comisión nos implicamos nestas tarefas, agás os representantes de Medio Ambiente e de Política Territorial.
Un aspecto salientable é que ningún proxecto foi analizado unicamente por unha persoa. É dicir, todos os proxectos pasaron por varias mans para extraer a información acaída ao método de valoración fixado en función das temáticas dos informes (técnicos, económicos, sociais, etc.). Na miña opinión, isto contribuíu a incrementar aínda máis o carácter obxectivo de todo o proceso e, sobre todo, a reducir o risco de sesgo positivo ou negativo dunha valoración se esta for desenvolvida por un único axente.
Hai que pensar que de cada anteproxecto se analizaron arredor de 90 datos. Se consideramos que foron avaliados uns 800 expedientes, a conclusión é que traballamos con aproximadamente 72.000 datos. Para poder xestionar correctamente esta información, os servizos informáticos da Consellaría de Innovación e Industria deseñaron unha base de datos e un programa de cálculo para que os datos extraídos da documentación presentada polas empresas fosen conformando a puntuación final dos anteproxectos a partir da metodoloxía establecida pola comisión.
En paralelo, o persoal do servizo de Enerxías Renovables da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas traballou para seleccionar os proxectos que deberían ser obxecto de valoración por parte da comisión. É dicir, constatou que os promotores cumprisen cos requisitos de capacidade legal, técnica e económica, tivesen toda a documentación esixible presentada e que os seus proxectos cumprisen os requirimentos ambientais e urbanísticos contemplados na normativa vixente. Este foi un traballo tremendamente laborioso e complexo polo que hai que felicitar a quen participou nel e o levou a bo termo.
Todo este procedemento rematou na elaboración dunha listaxe de proxectos pola comisión a partir dos outputs do programa de tratamento de datos, unha vez que a comisión validou a metodoloxía de aplicación desenvolvida consonte as súas indicacións. A confección final da relación de proxectos admitidos a trámite e a listaxe de agarda fíxose considerando as concorrencias por áreas dos diferentes anteproxectos, dándolles obviamente prioridade a aqueles con maior puntuación e relegando á listaxe de agarda os desprazados polos anteriores.
Finalmente, a comisión cumpriu o seu cometido cunha semana de prórroga concedida a pedimento da comisión polo conselleiro de Innovación e Industria sobre o prazo de seis meses inicialmente contemplado na normativa. Isto esixiu traballar arreo coa colaboración de moitas persoas no proceso. Alén do reto político, foi un reto profesional do que todos e todas os que participamos nel podemos sentirnos orgullosos, posto que unha empresa desta dimensión rematou de xeito plenamente satisfactorio.
A polémica: dous membros da comisión abandonan a última semana
O abandono de dous membros da comisión foi o episodio máis lamentable de todo este proceso. Hai que ter en conta que, malia que dende o principio dos traballos da comisión o representante da Consellaría de Medio Ambiente trasladou as reticencias da súa consellaría co procedemento contido no Decreto 242/2008 e coa orde que o desenvolve, todos os acordos foron adoptados por unanimidade até o 22 de decembro de 2008. Coido que esta pose resultou totalmente inoportuna e fóra de lugar posto que foi o Consello da Xunta quen aprobou o devandito decreto logo dun amplo e frutífero debate no seo dos diferentes departamentos gobernativos que deu como resultado a incorporación ao borrador de decreto de suxestións feitas dende as diferentes consellarías, entre elas a de Medio Ambiente. En consecuencia, estamos perante un decreto do Goberno Galego e perante unha orde da Consellaría de Innovación e Industria redactada en desenvolvemento do anterior e as críticas e desafeccións posteriores á promulgación por parte dunha consellaría carecen de sentido xurídico. Supoño que os responsables políticos da Consellaría de Medio Ambiente deben unha explicación ao Consello da Xunta e ao seu daquela presidente por unha actitude tan insensata e obstrucionista.
Canto ao abandono destas dúas persoas, aínda hoxe non chego a comprender o motivo cando eles mesmos manifestaron o mesmo día en que marcharon que en poucas ocasións asistiran a unha comisión onde se traballase co rigor e a obxectividade da comisión de valoración de parques eólicos. Eles saben perfectamente que o traballo foi pulcro dende todos os puntos de vista. Coido que eles, que participaban pola súa condición de funcionarios, non deberían abandonar a comisión porque non cumpriron coas súas obrigas como tales servidores públicos. Se tiñan que pórlle tachas ao procedemento deberían ficar e emitir un voto particular. Porén, eles sabían que iso non era posible porque, alén do que intentasen empezoñar axentes alleos á comisión, todo o feito foi acordado entre todos/as e non nos afastamos nin media micra da legalidade e do establecido no seo da propia comisión.
De feito, na sesión anterior á súa marcha, e diante das informacións tendenciosas que aparecían nun medio de comunicación, a comisión de valoración aprobou por unanimidade unha vez máis un comunicado que foi anexado á acta do día. Neste documento afírmase categoricamente, entre outras cuestións, que todas as persoas que participaban nela concordaban en que o labor da comisión respondeu aos principios de legalidade, obxectividade e transparencia; que, dende o momento en que a Comisión aprobou unanimemente os criterios de valoración, todos os seus membros tiveron pleno acceso á totalidade da documentación de todos os solicitantes; e que foi a Comisión a que valorou todos os proxectos cos apoios técnicos de persoal da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas e do Instituto Enerxético de Galicia que, en todo caso, foron acordados por unanimidade no seo da Comisión.
Argüíron que non estaban de acordo co tratamento ambiental que a orde e o decreto contiñan e que non había tempo abondo para resolver e, por tales motivos, recibiran instrucións dos seus superiores de abandonar a comisión. Xustificacións, na miña opinión, absolutamente desafortunadas por canto que o traballo da comisión estaba perfectamente delimitado e cinguido ao contido dos artigos 10 e 11 do decreto e, naquel momento, todo o traballo de aplicación da metodoloxía de valoración estaba rematado para resolver dentro da prórroga solicitada pola comisión a instancia deles e concedida polo conselleiro. Eles non quixeron entrar no fondo do asunto e marcharon.
Os medios de comunicación
Coido que en xeral os medios de comunicación tiveron un comportamento bastante ecuánime e respectuoso cos traballos da comisión. Dende este punto de vista, cómpre valorar a actuación dos que, facendo seguimento de como ían a discorrer os traballos da comisión, mantiveron unha liña informativa de independencia e de rigor nas súas informacións. Insisto que este foi o comportamento da practicamente todos os medios.
Porén, houbo un xornal de gran difusión en Galiza que dende o primeiro momento combateu de forma absolutamente virulenta e irracional o proceso aberto dende a Consellaría de Innovación e Industria. Sorprende a calquera que dende que foi publicado o Decreto 242/2008 este medio adoptou unha actitude belixerante co traballo desenvolvido por esta consellaría polo simple feito de pertencer á parte nacionalista do Goberno Galego. De feito hai durante todo o ano 2008, moito antes de que se resolvese a convocatoria, artigos de opinión e informacións publicadas neste xornal que impresionan polo escaso respecto e que manifestan cara ao funcionamento dun goberno nun sistema parlamentario, nomeadamente o galego. Por exemplo, dende a portada desa publicación, un xornalista preguntábase meses antes da resolución como era posible que a forza con menos deputados no Parlamento Galego fose resolver un tema de tanta transcendencia para o País como é o concurso eólico. Noutras ocasións apelouse directamente ao presidente da Xunta para que impedise que a Consellaría de Innovación e Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, tomase esta decisión. Por razóns inconfesables, a liña editorial deste xornal empregouse a fondo en botar pezoña e sementar dúbidas de todo tipo nun proceso claro e transparente coa única intención que evitar que un conselleiro nacionalista resolvese a convocatoria no prazo previsto no decreto.
Neste contexto, a oposición do Partido Popular ao proceso, moi intensa no remate do verán de 2008, pasou a un segundo plano xa que estes xornalistas lle estaban a facer o seu traballo, mentres que a outra forza do Goberno bipartito tolerou e consentiu esta desvergoña e despropósito co seu silencio e co comportamento xa descrito dos representantes na comisión das consellarías de Medio Ambiente e Política Territorial.
Afortunadamente, os membros da comisión, coa excepción dos funcionarios que abandonaron a comisión nas vésperas de rematarmos a tarefa encomendada, fomos quen de manter a sensatez, traballar arreo e cumprir co noso deber. Por todo isto, esta ofensiva fracasou e a resolución da convocatoria produciuse o 26 de decembro de 2008. Por certo, o texto da resolución paréceme un exemplo de motivación xurídica da decisión adoptada. Neste sentido, non ten nada que ver coas resolucións do anterior goberno, caracterizadas pola carencia de xustificación ao botar man de expresións xenéricas e carentes de contido.
No entanto, os ataques continuaron durante os meses de xaneiro e febreiro para, na miña opinión, crear un estado de opinión que penalizase electoralmente o nacionalismo nas eleccións do 1 de marzo.
Por certo, onde estaban estes xornalistas cando o anterior goberno repartiu arredor de 4.000 megawatts sen lle dar explicacións públicas a ninguén? Por que daquela ficaron calados e agora protestan anoxados contra unha resolución que eles saben que non ten tacha e que beneficia o conxunto do pobo ao levar asociados, entre outras cuestións, plans de desenvolvemento económico e participación pública? Estas preguntas deben ser contestadas por eles.
Os pasos até a autorización e instalación dos novos parques
Agora, ábrese un novo procedemento: a autorización administrativa dos parques admitidos a trámite. Este aparece descrito moi polo miúdo nos artigos 13, 14 e 15 do Decreto 242/2008.
En síntese, os titulares dos anteproxectos admitidos a trámite teñen tres meses a contar dende a data da notificación da resolución de 26 de decembro de 2008 para presentar a solicitude de autorización administrativa da instalación xunto a documentación que se relaciona no artigo 13 do decreto. Alén disto, algúns solicitantes terán que presentar, porque así se establece na resolución do 26 de decembro, unha reformulación do plan de desenvolvemento económico para acaelo á potencia finalmente admitida a trámite.
A partir deste momento, comeza a instrución do procedemento: sometemento da solicitude a información pública, remisión do expediente á Consellaría de Medio Ambiente para que esta formule a Declaración de Impacto Ambiental consonte a normativa ambiental vixente, emisión do informe da Consellaría de Política territorial sobre materia urbanística, recompilación de todos os informes, alegacións e resto de documentación necesaria. Con todo este material, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas formulará unha proposta de resolución motivada sobre a solicitude de autorización administrativa e remitiralla ao titular da Consellaría de Innovación e Industria para que resolva en sentido positivo ou negativo.
Cómpreme salientar que as polémicas sobre as afeccións ambientais ou urbanísticas xurdidas como consecuencia da resolución de admisión a trámite son estériles e feitas cunha mala intención evidente xa que, como se pode observar do procedemento de autorización, en todo caso nunca se estivo a sortear ningún procedemento nestes dous ámbitos dentro do procedemento de autorización administrativa. Outra cousa diferente é que alguén, movido talvez por intereses alleos ao procedemento de admisión a trámite, quixese enredar e confundir a opinión pública insinuando que os controis ambientais e urbanísticos tiñan que ser anteriores á admisión a trámite ou, o que é aínda peor, suxerir que a Consellaría de Innovación e Industria quería apropiarse de competencias que non lle correspondían nestas dúas áreas.
Ademais, para obter a autorización administrativa dun parque eólico será requisito imprescindible que o promotor presente a acreditación do punto de interconexión do parque, emitida pola empresa receptora da enerxía producida.
O prazo para resolver a solicitude de autorización administrativa é de seis meses a contar dende o momento da solicitude. Se non houber unha resolución expresa neste prazo, poderase entender desestimada.
Alén de todo isto, cumprirá unha resolución que aprobe o proxecto de execución, onde se fará mención expresa do prazo para solicitar a acta de posta en servizo definitiva do parque. Este prazo con carácter ordinario non superará os doce meses contados a partir da aprobación do proxecto sectorial. Porén, a pedimento do interesado, este prazo podería prorrogarse por seis meses máis como máximo.
Tamén, é necesaria a aprobación do proxecto sectorial por parte do Consello da Xunta. No artigo 16.3 do Decreto 242/2008 establécese de forma categórica que non se poderán iniciar as obras de construción do parque antes desta aprobación, sen prexuízo doutras autorizacións ou licenzas que procedan.
Unha breve conclusión
En definitiva, pódese ver como os procedementos definidos no Decreto 242/2007 son totalmente regrados e respectuosos con toda a normativa sectorial aplicable, nomeadamente a ambiental e a urbanística. A Consellaría de Innovación e Industria, como non pode ser doutro xeito, terá que cinguir a súa actuación a esta norma e todas as demais que sexan de aplicación. O que nunca se debería facer é pór enriba da mesa andrómenas relativas a futuras normas que alguén esta pensando en deseñar e para as que non adoptou ningunha medida cautelar. Isto, alén de ser unha trapallada, introduce inseguridade xurídica nos procedementos e di ben pouco da responsabilidade institucional de quen matina para botar dúbidas sobre un procedemento sólido e ben fundado en dereito.
En todo caso, todo o feito está dentro do Plan Enerxético de Galiza 2007-2012. O obxectivo estratéxico que nel formulamos é que en 2012 un 95 % da electricidade total que se consuma en Galiza teña a súa orixe en fontes renovábeis. Para isto, cómpre que todos os procesos descritos se desenvolvan con axilidade e sen perder robustez administrativa. A meta para dar cumprimento a este obxectivo é termos autorizados nese mesmo ano 6500 megawatts de potencia eólica. Como se pode observar, a aposta da Consellaría de Innovación e Industria polo fomento das enerxías renovables é incuestionable, perfectamente contrastable e fundada no traballo constante feito até este momento.
A experiencia destes tres anos amosa que o camiño non vai ser doado porque existen grupos de interese que non concordan en absoluto con estas políticas de promoción de desenvolvemento económico autocentrado e teñen morriña do modelo anterior porque lles favoreceu sen lles pedir practicamente nada a cambio en favor do País. Coido que aínda queda moito por facer e moitos escollos que sortear: poranse problemas técnicos, legais, económicos e de todo tipo dende dentro e fóra de Galiza. Porén, cómpre ter claro cara a onde se quere ir e actuar con intelixencia usando plenamente as competencias. De ser así, de certo que acadarán os obxectivos formulados.
Epílogo
O día 1 de marzo, o Partido Popular gañou as eleccións ao Parlamento de Galiza con maioría absoluta. En consecuencia, será esta formación política quen teña as responsabilidades de goberno durante os vindeiros catro anos. O futuro presidente da Xunta xa anunciou que ía revisar todo o modelo eólico implantado pola Consellaría de Innovación e Industria e nomeadamente a resolución do concurso. Coido que será moi difícil que se poidan detectar actuacións que non respondan estritamente ao contido do Decreto 242/2007 e da Orde de 6 de marzo de 2008 simplemente porque non existen. Manifestou algo así como que convocaría de novo o “concurso”. Isto é unha novidade na práctica política dos populares xa que no pasado nunca se caracterizaron pola promoción da concorrencia nestes ámbitos. Haberá que apelar ao sentido de País dos novos dirixentes da política enerxética de Galiza para que velen polo interese público e non sucumban aos cantos de serea chegados dende as esferas do poder empresarial e mediático que tanto fixeron por velos nas novas responsabilidades que terán que desempeñar a partir da vindeira primavera.
GLOSAS:
Por exemplo, falar de participación pública no capital social das empresas promotoras ou de establecer fórmulas negociadas que procurasen un reparto das rendas cos propietarios dos montes estaban nas antípodas do modelo eólico anterior.
Os modelos anteriores carecían do carácter obxectivo que ten o vixente decreto 242/2007.
Os gobernos anteriores ao 2005 comprometeron arredor de 4.200 MW de potencia eólica entre plans, parques individuais e parques singulares con procedementos escuros e sen dar explicacións a ninguén.
A presenza pública no capital social das empresas promotoras daralle á Administración Galega dereitos económicos, por exemplo o de percibir un dividendo, e políticos como o de formar parte dos consellos de administración colaborando na marcha da sociedade e actuando dende o interior da empresa a prol do interese público.
As empresas do sector tiveron presenza destacada no proceso, xa que en todo momento foron informadas dos plans da consellaría e sempre se escoitaron cantas propostas e ideas nos quixeron trasladar.
Na práctica houbo arredor de 30.000 megawatts en solicitudes e a potencia máxima prevista na orde era de 2.325 megawatts.
Por acordo unánime no seo da comisión, aprobáronse unhas normas de funcionamento interno co obxectivo de concretaren todos os detalles de organización e de operativa para poder a comisión desenvolver os seus traballos.
A elaboración dos informes técnicos para a valoración foi un exemplo de obxectividade e preocupación por motivar até o último punto outorgable con criterios perfectamente contrastables e afastados da discrecionalidade. De feito, todos os membros da comisión nos implicamos nestas tarefas, agás os representantes de Medio Ambiente e de Política Territorial.
Houbo un xornal de gran difusión en Galiza que dende o primeiro momento combateu de forma absolutamente virulenta e irracional o proceso aberto dende a Consellaría de Innovación e Industria.
A experiencia destes tres anos amosa que o camiño non vai ser doado porque existen grupos de interese que non concordan en absoluto con estas políticas de promoción de desenvolvemento económico autocentrado e teñen morriña do modelo anterior.