Suso de Toro ten asegurado o éxito do seu último libro desde antes de o presentar en sociedade. Os libreiros se encargaron de esgotar os 5.000 exemplares da primeira edición. O habitual son tiradas de 500 ou menos. A presentación da tarde-noite do martes, na Galería Sargadelos, de Santiago, se se houbera dado en directo pola TVG a estas horas estarían os de Edicións Xerais de Galicia a correr sen freo como o cabalo branco da tapa do libro a meterlle presa a imprenta para atender a demanda. Encarna Otero puxo tanta emoción na súa intervención dende un coñecemento polo miúdo do Home sen nome, de Suso de Toro, que conquistaría lectores. Se a audiencia fose millenta, como as da televisión, xa se sucederían novas edicións. Pero a sala non é para milleiros. Cadeiras ocupadas. Entre a concorrencia anotei estes nomes: Carlos Pajares, o físico que foi rector, Teresa García-Sabell, Xosé María Palmeiro, Baldomero Cores, Luis Pasín, Benedicto García, Maximino Viaño, Carlos Mella, Camilo Nogueira, Fernández Refojo, Alfonso Basterra, Rosario Porto Ortega, Xoán Guitián, José Manuel Villanueva e Otilia Seijas.
Manuel Bragado, director de Xerais, quen considerou a Suso de Toro como "un gran personaxe", autor "dunha novela totalmente europea", que "tamén é unha crónica da represión", puxo no seu bretemas.blogspot.com unha reseña completa do acto. Na páxina xerais.es está o argumento deste novo libro de Suso de Toro. Encarna Otero ten a Home sen nome, que debeu ler varias veces e dun tirón, como unha novela de Compostela de Santiago co seu hospital. Chamoulle a atención a forma fermosa que ten Suso de Toro de describir a morte tráxica do protagonista. Citou a chea de personaxes, vivos e mortos, relacionados con aquela guerra, que pasan polas 396 páxinas deste libro, dende o Chuvieiras ata as irmáns Fandiño, máis coñecidas por As Marías. "É unha novela moi cinematográfica".
Suso de Toro, con medio século ás costas, xa ten 26 libros publicados. Traballou arreo pola literatura galega. Lembrou o toque de cor que daban As dúas en punto ás rúas composteláns, agora inmortalizadas nunha estatua de Lombera colocada nun sitio da Alameda donde As Marías botaban un parrafeo cos estudiantes da Universidade. Suso de Toro estudiou a fondo a represión e pasa cos ollos abertos para contar unha realidade dun tempo. A literatura é un instrumento para curar, neste caso, as feridas do tempo da guerra na cidade donde naceu o autor. "Máis que unha novela é un guión cinematográfico e máis un texto teatral. É un libro metafísico. Mesmo é unha novela católica, pero ninguén o vai crer". É moi crítico coa xerarquía eclesiástica. Para Suso de Toro os feitos que se descoñecen están pretos de repetirse.