O 20 de marzo de 2003 Estados Unidos iniciou o seu ataque contra Iraq. A guerra decidírase nun despacho de Washington. A xustificación eran as armas de destrucción masiva, que non apareceron por ningures. O que Powel ensinou como proba de armas químicas parecía un frasquiño de penicilina dos que envasaban en León. Aquí, na outra beira do Atlántico, Xosé Luis Barreiro Rivas, profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago, comezou a escribir artigos o 12 de setembro de 2001 nos que disparaba palabras para que todo o mundo, sobre todo os máis poderosos, se sometesen ó dereito internacional e a un principio de lexitimación multilateral. De cando en vez poñía diante dos lectores un novo traballo sobre a mesma teima e agora reuniu nun libro tódolos artigos publicados ata xaneiro pasado. O libro titúlase As inxurias da Guerra. O que Bush non sabía pero eu si e presentouse onte, 20 de xuño, no Hotel Araguaney, de Santiago. O público, tantos homes como mulleres, encheu o Salón Olivo. Alí estaban Carlos Mella, Suárez Vence, Plácido Vaamonde, Luis Pousa Alvarez, Xosé A. Perozo, Maximino Viaño, Varela Durán, David Cheda, Moncho Castromil, Xesús Couceiro...
A presentación comezou cunhas palabras de Manuel Bragado, director da editorial: "Edicións Xerais tivo a fortuna de editar As inxurias da guerra dentro da colección Crónica". Consideou os artigos como unha alegación contra as guerras que xa non teñen sentido moral nin realismo estratéxico.
O teólogo Santiago Pérez López suliñou que os artigos denotan que Barreiro é pensador e periodista de garra e teñen unha unidade de fondo de moral política. "É un libro serio. Barreiro ten ironía finísima, pero no libro non hai nungunha. Hai seriedade". O teólogo lembrou os seus tempos de Salamanca, en 1973, cando os estudiantes de teoloxía leron O atraso económico de Galicia que saira do prelo no verán do ano anterior. O libro de Beiras despertou en Pérez López un compromiso coa terra plasmado nun traballo que aproveitou a filosofía do contido, que lle axudou a conseguir matrícula de honor en Teoloxía. O Profesor quería publicar o traballo na Revista de Teoloxía, pero a Pérez López non lle parecía correcto. O final poido sair coa súa dicíndolle que necesitaba aproveitar as vacacións en Galicia para completar a bibliografía.
Para Xosé Manuel Beiras, que falou deseguido, As inxurias da guerra é un libro moi excepcional e singular, nun tempo que se fala moito do cambio climático que estase a dar no físico desta Fisterra pero non no mental. Tras confesarse amigo de Barreiro, dixo que o libro conmoveuno, reconfortouno e reconciliouno coa intelixencia creativa. Falou despóis da felonía do procesamento de Barreiro para o apartar da vida política. Lembrou que Barreiro creceu na adversidade e foi radical porque foi a raiz dos problemas para cambiar o país. Levou un valente combate contra o pensamento único desde a súa formación na modernidade de Europa. Beiras ve na obra unha serie de artigos coherentes. "A guerra hoxe -dixo- é inútil para construir estructuras políticas ou para cambiar por outras. Iraq e Afganistán son guerras inuteis que non sirven para nada. Levan a atrocidades e tortura".
Xosé Luis Barreiro gabou as palabras que lle dedicaran ó seu libro que lle permitían unha intervención breve e liviana. Pero resultou unha intervención xenial. Agradeceulle a Bragado terse fixado nos artigos que compoñen o libro que transforma a literatura efímera en literatura permanente. As inxurias da guerra leva por subtítulo "O que Bush non sabía pero eu si", anunciando que o título secundario da edición castelán será: "Se eu o sabía tamén o sabía Bush".
Barreiro afirmou: "o que sucedeu no desastre foi profetizado. Agora a opinión pública internacional estase volvendo contra da guerra". Considera que a guerra de Iraq foi contra a xustiza internacional. "E menos mal -engadeu- que esta guerra saiu mal, porque non se sabe a donde chegarían eses bárbaros que queren impoñer a súa orde internacional. Esa guerra tamén foi un ataque a Europa que ía facendo cousas que deixan a Estados Unidos sen o monopolio da política internacional. A política europea é máis humanizada e moderna ca de Estados Unidos".
Rematou Xosé Luis Barreiro facendo un chamamento para restaurar o sentido moral da política.