A Avelino Pousa Antelo acaba de concederlle a Xunta de Galicia a Medalla Castelao. Este galardón vense outorgando desde 1984 para distinguir a aqueles galegos que sexan autores dunha obra merecedora do recoñecemento do seu pobo no campo artístico, literario, doutrinal ou de calquera faceta da actividade humana. Pousa Antelo naceu na Barcala, fixo o 14 de maio 92 anos. Matino que os pais do Avelino deberon prometerse diante do neno facer del un home de ben. Abofé que acertaron. Pousa Antelo son 92 anos de bonhomía e de loita por mellorar o país por medio do ensino. Avelino pasou polo seminario, que daquela era escola de balde e de calidade. Despóis na Escola Normal de Santiago, penso que ubicada no pazo de San Xerome, obtivo o título de mestre nacional. Tamén acudiu a Escola de Comercio de Lugo e foi executivo de cooperativas en Zaragoza. Por oposición gañou a praza de mestre na escola de Santa Comba de Lugo. E cousa probada que daquela cando o fillo dun agricultor conseguía un título esquecía totalmente a vida da aldea e case que desdeñaba os problemas agrícolas. Non foi ese o caso de Pousa Antelo. Cando ía A Barcala votaba unha man na explotación familiar e recollía coñecementos sobre cultivos.
Pousa Antelo coñeceu e conviviu con Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Camilo Díaz, Suárez Picallo, Valentín Paz Andrade, Martínez López... Foi home de militancia galeguista, ata chegar á presidencia da Fundación Castelao donde sigue na actualidade. Pousa Antelo viviu e vive para o campo, pero nunca viviu do campo. É autor dun librazo, en poucas páxinas. O seu título é Unha escola para a Galicia rural: A Escola Agrícola da Granxa de Barreiros (Sarria-Lugo). (Isaac, esas 125 páxinas publicadas en 1988 merecen unha nova edición cun deseño tipográfico de hoxe porque é digno de ler). Principia Pousa o libro con este párrafo: "Galicia sufriu sempre un sistema de ensino distinto, cando non oposto, á sua realidade, á sua cultura a ás necesidades das suas xentes. Quizaves esto explique o baixo rendemento da escola, especialmente no medio rural".
Con inquedanzas semellantes foi atopando galegos que meteron de cheo a Pousa Antelo no compromiso de crear unha escola rural e digna e inspirada en principios democráticos. Cando poñía escola en Santa Comba coñeceu a un home destacado neste eido, o enxeñeiro de Camiños e empresario, Antonio Fernández López (Antón de Marcos), quen en 1946, conta Pousa, "decidiu crear unha escola, axeitada ó medio rural para que funcionara na súa aldea natal de Barreiros, parroquia de Santa María de Ortoá, concello dee Sarria, provincia de Lugo."
Confesa Pousa Antelo que "eu tiven a sorte de ser elexido para dirixir esa experiencia que influiu decisivamente na miña actividade profesional e incluso no futuro da miña vida en xeral". Antón Fernández o envía a Misión Biolóxica de Galicia, donde permanece un ano a carón de figuras como Cruz Gallástegui, Miguel Odriozola e Xosé Luis Blanco González, donde coñece os adiantos que coa investigación xenética estaban a lograr no cultivo do maínzo e da pataca, cun aumento importante das produccións que facían chegar ós campesiños. Despóis foi Avelino á Estación de Fruticultura de Logroño, donde se puxo ó día sobre as novas técnicas do cultivo de froiteiras. Volta a Galicia e acude unha tempada a Estación Pecuaria Rexional de Lugo para coñecer a industría láctea. Visita a Estación de Praticultura e Cultivos de Veiga e mailo Centro de Fitopatoloxía Agrícola, ambos na Coruña. De millos híbridos sabía Pousa todo canto descubrira Cruz Gallásstegui. Con tódolos coñecimientos adquiridos, que foron moitos sobre as distintas facetas da agricultura, en 1948, ano da fundación, por febreiro bota a andar a Escola Agrícola da Ganxa de Barreiros. Foi unha revolución cultural para o campo dunha bisbarra, que logo por medio dos cursos de formación para mestres tentou espallarse por toda Galicia. "Se en tódalas escolas rurais -escribe Carolina Vázquez Alvaredo, ex-alumna de Barreiros e hoxe profesora de ensino primario- se traballara dunha maneira semellante ó que se facía na Escola de Barreiros, o progreso cultural e económico da nosa querida Galicia sería ben distinto... Alí fixéronse moitas melloras de cultivos e instalacións gandeiras gracias á orientación e ós consellos que con constancia e tenacidade daba o señor Pousa. ¡Que deu-lo conserve moitos anos con saude e as mesmas ganas de traballar!".
Os gastos das actividades da Escola e os cursos corrían por conta dos irmáns Antonio, Manuel e Xosé Fernández López. En 1955 reingresa Pousa no maxisteiro oficial, con destino na Orotava, quedando Barreiro a cargo dun ex-alumno, Valentín Arias López. Tras catro anos en Tenerife retorna a Galicia para traballar durante outros tantos anos na empresa "Semillas Selectas", do grupo Fernández.
A escola de Barreiro foi unha semente, que non entendeu o ministerio de Educación. "Eu agardaba -escribe Pousa Antelo en 1988- que a política educativa da Galicia autonómica buscaría un entroncamento con esta iniciativa ou ensaiaría algún novo sistema que correxira as vellas eivas do ensino centralista. Pero lamentablemente non se albisca tan siquera o menor síntoma de querer facer algo nunha liña semellante, co fin de intentar mellorar un sistema educativo alleo totalmente á nosa realidade e ás necesidades do noso entorno e da nosa cultura."
Avelino, amigo, non hai que perder a esperanza. Se houbo que agardar 22 anos para que che concederan a Medalla Castelao, o que supón un cambio esperanzador, tamén pode acontecer calquera día que a escola do rural galego mire polo seu entorno e recupere un ensino que rompa co esmorecemento da agricultura galega. ¿Acaso é tarde para executar o programa de Castelao?p