O acordo asinado o 21 de xullo de 2005 entre o PSOE e o BNG para gobernar Galicia ten na súa programación este apartado:
“O Goberno Galego impulsará unha nova organización administrativa do territorio galego baseado en comarcas, rexións e as áreas metropolitanas”.
Tamén recolle este outro apartado: “Pulo das áreas metropolitanas, rexións urbanas e semiurbanas como espazo de planificación”.
Aí temos máis ca unha proposta, unha maraña, unha lea. Ó día de hoxe contamos con provincias e municipios, que invadiron a identidade de Galicia en 1832, por decisión do afrancesado Javier de Burgos. Alá van 175 anos coas parroquias e mailas comarcas metidas nun agocho que sabemos donde está pero que non somos quen de atopar para recuperar as formas tradicionais de convivencia e asentamento da poboación galega. En 1834 tamén puxeron no mapa de España os partidos xudiciais, as veces con demarcacións ó gusto do cacique, que tamén serviron en ocasións como distritos electorais. Xa hai ben tempo importamos as mancomunidades e agora andamos coa teima das áreas metropolitanas. Por si fose pouco prometen pintar nun mapa cheo de raias, novos trazos para demarcar as rexións.
Actualmente a Galicia correspóndenlle 24 diputados nas Cortes Xerais, que se elixen polas provincias, aínda que en tempos pretéritos os nosos devanceiros o facían por partidos xudiciais. As provincias hoxe estorban máis que axudan á convivencia democrática e á igualdade que pregoa a Constitución. As parroquias, entidade local que agarda que se recoñeza a súa personalidade xurídica, segundo recolle o Estatuto de Autonomía, seguen sen goberno local, aínda non alcanzaron representación nos concellos, dereito que teñen de sempre as feigresías portuguesas. As parroquias están cheas de “poboación residual”, que dín os economistas, con moi pouca gracia. Pero aí seguen agardando ter voz e voto nas corporacións dos seus concellos e polo seu órgano de goberno. A parroquia é unha célula básica da organización territorial de Galicia, que se contase xa con consello parroquial con competencias definidas podería ser un instrumento eficaz contra os lumes forestais.
As comarcas de tan esquecidas e por mor do atraso, algunhas perdidas as feiras polo retroceso poboacional e mais os cambios na comercilización, ata carecen de presencia teórica. Pero unha organización administrativa do territorio ten que contar coas comarcas con personalidade xurídica e demarcación de seu, como sinala o Estatuto dende hai 24 anos, administrada por órganos de elección directa. Cada parroquia un representante no concello e cada concello un membro de elección directa no órgano de goberno da comarca. Dende hai moitísimas décadas sobran as provincias e agora xa non son necesarias, por eso hai que eliminalas da Constitución como por lei desapareceron nas comunidades autónomas uniprovinciais. O Goberno central ten agora os seus delegados a nivel de comunidade autónoma, xa que así o ordea a Constitución no seu artículo 154: “Un Delegado nomeado polo Goberno dirixirá a administración do Estado no territorio da Comunidade Autónoma e coordinará, cando proceda, coa administración propia da Comunidade”. O Estado somentes usa a provincia como circunscripción electoral para elexir deputados e senadores. Entón, parecería de sentido común recoñecer tantas comarcas como fosen precisas, pero tendo en conta as actuais circunstancias poboacionais, e por cada 40.000 habitantes (ou o número que se determinase) elixir un diputado autonómico por sufraxio universal. Que unha comarca non alcanza ó número de habitantes que se determine, pois xúntase coas lindantes que sexan precisas ata sumar esa poboación. As comarcas urbanas elixirían un diputado por cada distrito e tería tantas circunscripcións electorais como resultasen de dividir a sua poboación por 40.000 ou o número que se determine. Somentes se elixiría un diputado autonómico por distrito electoral, de forma que os partidos non terían máis remedio que escoller ó mellor candidato para non quedar fóra de xogo. E os electos terían que traballar pola defensa dos intereses xerais dos cidadáns censados, se querían ter posibilidades de gañar nos próximos comicios. Un diputado por circunscripción electoral desbotaría o mandato imperativo, que resulta vergoñento cando un diputado vota o que lle manda o xefe político do seu partido, incluso en contra da vontade dos seus electores. Ademáis todas as eleccións serían por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto. Nas eleccións locais elexiríanse os alcaldes e mais os concelleiros por parroquias e os presidentes das comarcas e os membros que formasen o consello comarcal. Nas eleccións autonómicas elixiríase un diputado por cada comarca. A comarca tamén sería partido xudicial.