Hai máis de 24 horas que o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, respondeu a un diputado en sé parlamentaria que "a vostedes non debería molestarlles o que fago na miña casa" (lavozdegalicia.es) A CRTVG, ou sexa, A Compañía, ten dentro A Galega e maila Radio Galega -nomes que deprecian ás sociedades, como acontecía co de Telegaita- que naceron en 1984 como sociedades anónimas Televisión de Galicia e Radiotelevision de Galicia, respectivamente. Ó ano de crearse, en 1985, ámbalas duas iniciaron as súas emisións.
O artigo 1 da Lei 9/1984, de 11 de xullo, dí: "Créase no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, co caracter de entidade de dereito público, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, á que lle corresponde a xestión directa dos servicios públicos de radiodifusión e televisión competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, encargo que levará a cabo consonte o seguinte:
"Atribúeselle á Compañía de Radio-Televisión de Galicia a misión de servicio público consistente na promoción, difusión e impulso da lingua galega, así como a atencíon á máis ampla audiencia, ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural, propiciando o acceso directo ós distintos xéneros de programacións e ós eventos institucionais, sociais, culturais e deportivos, dirixíndose a tódolos segmentos de público, idades e grupos sociais, e favorecendo activamente a difusión cultural, intelectual e artística e dos coñecementos cívicos, económicos, sociais e técnicos mediante toda clase de emisións en lingua galega realizadas pola dita Compañía a través das sociedades Radiotelevisión de Galicia, S. A. e Televisión de Galicia, S. A., así como de calquera outra que poida crear no futuro".
"Para o desenvolvemento das misións de servicio público encomendadas, actuando baixo o obxectivo de rendibilidade social e eficiencia económica, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberá promover activamente os principios de programación sinalados nesta lei, fomenta-la producción audiovisual propia de Galicia, ofrecer programacións e emisións que coadxuven á proxección cara ó exterior de Galicia e de información ás comunidades galegas do exterior.
"A Compañía de Radio-Televisión de Galicia promoverá activamente o desenvolvemento da sociedade da información, participando no progreso tecnolóxico, utilizando tódalas formas e medios de distribución, expresión e linguaxe, así como as novas técnicas de producción e difusión de programas de comunicación audiovisual, e desenvolvendo novos servicios, incluidos os dixitais e en liña, susceptibles de enriquecer ou completa-la súa oferta oferta de programación, dentro do marco estatutario de Galicia.
"As misións ás que se refire o apartado anterior enténdese sen prexuízo das competencias que lle corresponden ó Parlamento e ó Goberno de Galicia e das que, en período electoral, lles corresponde ás xuntas electorais".
O Consello de Administración da CRTVG, segundo a lei, componse de doce membros, elexidos para cada lexislatura polo Parlamento de Galicia, mediante a maioría de dous tercios, entre persoas de acreditado prestixio profesional. Neste intre o Consello somentes conta con once membros, por atoparse vacante un posto dos que corresponden ó BNG. Polo tanto, seis membros representan ó Partido Popular, catro ó PSOE e un ó Bloque Nacionalista Galego. O Director Xeral asistirá ás reunións do Consello de Administración con voz e voto, pero carecerá deles cando trate de asuntos que o afecten persoalmente. Co seu voto tampouco se podería superar o empate, xa que está paralizada a designación dun membro do Consello en representación dun dos grupos políticos que forman o Goberno bipartito.
Entre as competencias do Consello de Administración figuran emiti-la súa opinión sobre o nomeamento do Director Xeral; aprobar, a proposta do Director Xeral, o plan de actividades do ente público, que fixará os principios básicos e liñas xerais de programación, así como o plan de actuación das súas sociedades; aprobar con caracter definitivo os cadros da Compañía e das súas sociedades, así como as súas modificacións; aproba-lo anteproxecto de presupostos da Compañía e das súas sociedades e determinar semestralmente a porcentaxe de horas de programación destinadas ós grupos políticos e sociais significativos, fixando os criterios de distribución entre eles, en cumprimento do que se establece no artigo vinte da Constitución.
O nomeamento do director xeral é competencia do Goberno galego, pero oido o Consello de Administración. Esto equivale a que o presidente da Xunta nomea a quen lle pete. De feito, o nome de Benigno Sánchhez García saiu nos medios de comunicación unha semana antes de que o aprobase o consello do Goberno galego, e a presidencia da Xunta fixo pública a designación antes de informar ó órgano rector da Compañía. Aínda así a posteriori os daquela sete membros do PP no Consello abstivéronse, votando a favor os dous socialistas e os dous nacionalistas que asistiron á reunión dos tres membros que lle correspondían, xa que nas eleccións de 2001 o Bloque obtivo os mesmos escanos co PSOE, pero máis votos populares, polo que lle tocaron tres postos no Consello da CRTVG. Se a maioría houbese votado en contra podía ser director xeral Benigno Sánchez, porque a consulta non é vinculante. Pero mal lle iría ó presidente Touriño e máis a Benigno Sánchez que o nomeasen co voto en contra da maioría do Consello de Administración. Sobre todo se non se esquece que Touriño o 29 de xullo de 2005 lembrou que no primeiro ano de goberno sairía a lei que garantiría a independencia da radio e a televisión públicas. Xa correron tres anos sen cumprir a promesa, a pesar de que os outros partidos presentes no Parlamento llo teñen reclamado máis dunha vez. Ergo, o incumprimento significa que a radio e televisión públicas aínda agardan pola independencia. Claro que para establecer este principio democrático abondaría coa vontade política, porque non hai lei que o prohiba.
LA CASA DE LA PRADERA DE TOURIÑO
Os socialistas controlan a televisión para tela o seu servizo tanto ou máis que o goberno anterior. Un cambio para que nada cambie. A Televisión e maila Radio públicas están asentadas nunca finca de San Marcos, que ben podía ser "la casa de la pradera de Touriño". Pero unha cousa é que Touriño como presidente prometa unha cousa e faga a contraria, nada democrática por certo, e outra ben distinta é que un director xeral en sé parlamentaria proclame que a Televisión de Galicia é a "miña casa" en resposta a un diputado. Non é a súa casa. El somentes é o órgano executivo dunha entidade pública. É confundir a ximnasia coa magnesia, ó actuar como se a televisión pública fose da súa propiedade particular. Segundo se publicou no seu día, escolleron a Benigno Sánchez como técnico especializado en temas laborais. Cando xa leva tres anos de xestión, a plantilla da Compañía é de 559 traballadores, dos caes 395 seguen con contrato temporal. Por riba, Benigno Sánchez dixo no Parlamento que nos dous últimos anos máis de cen traballadores levaron á CRTVG ós tribunais por dereitos xurdidos antes de 2005. Ou sexa, o especialista en temas laborais non foi quen de resolver unhas reivindicacións dos traballadores en tres anos.
Pasadas máis de 24 horas sen disculparse pola impertinencia da "miña casa" debería dimitir. Porque entre as competencias dos deputados está o control da acción executiva do Goberno. A primeira obriga dos enchufados é respectar ós representantes do pobo, xa que o Parlamento xunto coa Xunta e o seu Presidente son os poderes da Comunidade Autónoma. En tres anos Benigno Sánchez non remediou o uso partidista dos informativos da televisión. Concretamente no telexornal mediodía do luns, co gallo da presentación do proxecto dos Presupostos Xerais do Estado 2009, chupou pantalla o presidente Touriño e máis Núñez Feijoo. O primeiro puxo acento nos "729 euros por galego, un terzo máis ca a media española nos presupostos 2009", mentras que o dirixente popular suliñou que "o Goberno fai sempre o mesmo: presupuestar e non gastar". Pero non apareceu o Bloque Nacionalista Galego, cuxa opinión sobre os Presupostos era interesante despóis da defensa que veu desenvolvendo para que a Galicia non se lle tome o pelo eternamente. Touriño máis que como presidente da Xunta falou como un mandadiño da central federal socialista. Así non hai maneira de facer progresar a este país. Os proxectos pendentes con eses presupostos seguirán pendentes de hoxe en vinte anos. ¿Ou lustros?
Outro exemplo da mala xestión dos informativos de A Touriñesa está en emitir "Libro aberto" á unha e media da madrugada do luns. ¡Vaia hora para cumprir co mandato da difusión cultural! E outro exemplo de dispendio e malfacer informativo está no exceso de directos de enviados especiais a lugares que non teñen relación coa noticia, e ás veces nin siquera apoian o que contan con imaxes do sucedido. ¿Non será un negocio contra a eficiencia económica?
Pasadas máis de 24 horas desde que Benigno Sánchez utilizou o Parlamento como se fose unha súa leira ademáis de soltar a impertinencia de "miña casa", sen disculparse, debería dimitir. ¡Coa falta que fan inspectores de traballo! Entre as competencias dos deputados está o control da acción executiva da Xunta. A primeira obriga dos enchufados é respectar ós representantes do pobo. En tres anos Benigno Sánchez non puxo remedio o uso partidista dos informativos da televisión nin fixo ren pola dignificación do medio de tódolos galegos. Para os artistiñas de fóra máis vistos que o TBO euros, mentres os galegos a velas vir.Antes era a televisión de Fraga e agora é a Televisión de Touriño. Cuspidiñas. Un abuso.